Desde a Fundación Roberto Rivas temos claro que o rural galego está cheo de vida, de xente con ideas, proxectos valentes e iniciativas que apostan por un futuro máis sostible, conectado e con identidade. Por iso, no marco da nosa liña #Dinamizas, que busca apoiar accións que contribúan á dinamización das zonas rurais afectadas pola despoboación, decidimos sumar forzas co proxecto Habitar o Baleiro.
Habitar o Baleiro é unha iniciativa xornalística e cultural que documenta o que está a pasar – e a nacer – no rural galego. A través dunha mirada plural, sensible e comprometida, aborda temas como o despoboamento, a soidade, a sustentabilidade, o traballo cooperativo ou as oportunidades que aínda existen en espazos que moitas veces se consideran esquecidos.
Unha nova exposición para contar novas realidades
Este mes tivo lugar a inauguración da nova exposición de Habitar o Baleiro, na que desde a Fundación colaboramos compartindo dúas historias que coñecemos de primeira man e que son exemplo de emprendemento, compromiso co territorio e recuperación da memoria: Couto Mixtour e Hope Hub – It’s Thyme.
As fotografías de Brais Lorenzo e os textos de Claudia Morán danlle vida a estes dous proxectos na mostra, que estará activa ata o 15 de setembro na Fundación Camilo José Cela (Padrón). Un convite a descubrir as múltiples caras do rural contemporáneo, a través de historias que falan de identidade, resiliencia e futuro.
Os Mixtos– Recuperando a memoria do Couto Mixto
En Meaus, Santiago e Rubiás —tres pequenas aldeas no sur de Ourense— naceu Os Mixtos unha iniciativa que busca poñer en valor a historia e o patrimonio deste antigo territorio autónomo coñecido como o Couto Mixto.
Javier, fundador do proxecto, pertence á xeración dos netos e netas daqueles últimos campesiños que viviron directamente da terra. Co obxectivo de honrar as súas raíces, traballa para revitalizar esta zona, visibilizando a súa riqueza cultural a través de iniciativas como “A Semana da Amizade”, un festival transfronteirizo que celebra os vínculos históricos entre Galicia e Portugal.
Un evento que, na súa segunda edición, segue medrando grazas ao esforzo colectivo das asociacións Os Mixtos e Inovterra, e que xa se consolida como un referente de dinamización e cooperación transfronteiriza.
Foi nese evento onde Brais Lorenzo, tomou acción coa súa cámara e fotografiou momentos incríbles que representan a esencia de Os Mixtos.
Hope Hub – It’s Thyme – Revivindo unha aldea con esperanza
En Mañón, no norte de Galicia, naceu outro proxecto que nos inspira: It’s Thyme, o primeiro Hope Hub impulsado por Hannah e Julia xunto a Manolo, un apaixonado da permacultura.
A idea? Revivir unha aldea abandonada e 20 hectáreas de bosque antigo para transformalos nun espazo de aprendizaxe, comunidade e rexeneración. Un modelo de vida rural sostible que aposta pola reconexión co territorio e coas persoas, promovendo prácticas ecolóxicas e colaboración internacional.
Visibilizar para transformar
Colaborar con Habitar o Baleiro permítenos amplificar voces que están a construír alternativas reais no rural galego. Historias que non só documentan o que se perde, senón, sobre todo, o que se está a sementar.
Desde a Fundación Roberto Rivas queremos seguir sendo parte activa desta transformación. Apostamos pola comunicación como ferramenta de dinamización, inspiración e conexión. E celebramos cada proxecto que, coma estes, nos lembra que o rural non está baleiro: está cheo de vida.
🔗 A exposición pode visitarse ata o 15 de setembro na Fundación Camilo José Cela. Estades todos/as convidados/as a descubrila!

Dejar una Respuesta