No marco do programa de actividade impulsado pola Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia, o equipo do Polo Pontevedra Norte e Rías Baixas promoveu o pasado venres, 28 de abril, a organización do encontro “Café Cultural”.
O obxectivo que se buscaba con esta acción era promover o coñecemento e a colaboración entre emprendedores que están sendo apoiados dende o Polo e que comparten unha vertente mais artística.
Esta actividade tivo lugar na cafetería do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela.
Espacio X, proxecto de Sandra Taboada e Eloy Pérez, aspira a converter a cafetería deste museo nun lugar aberto a arte e os artistas ofrecendo unha intensa e variada programación cultural.
Neste senso, non tiñamos ningunha dúbida que este era o mellor lugar para un encontro destas características!
Na xornada participaron proxectos como o de Zoraida Sobrín, deseñadora gráfica que utiliza a ilustración como marca diferencial nos seus traballos de creación de marcas, packaging ou comunicación.
Ademais de Fernando García, que é a persoa que está detrás de Anda o can na leña, marca na que axunta os seus dous talentos: a elaboración de mobles e outras pezas de madeira personalizadas e a fotografía.
Tamén estivo presente Mariana Senín, unha artista que plasma a través da técnica da manicura rusa e nails art a súa formación en historia da arte nun proxecto chamado Nails Out.
Alba de Vales, narradora oral e titiriteira, que leva dende os 15 anos dedicándose as artes escénicas, traballa actualmente, xunto con outras tres actrices, nun proxecto interxeracional que achega aos máis novos os saberes tradicionais da xente maior do rural.
Por último, contamos con dous ceramistas:
Michelle Volpe, que nos explicou a súa proposta de talleres e venda de cerámica utilitaria: Michelle Volpe Ceramics. Onde se enfoca a busca da beleza, en topar o balance e a harmonía a través da elaboración de obxectos cotiás.
E Carlos Asorey que despois de formarse, quere facer da cerámica o seu oficio.
Durante a xornada, que durou tres horas, puidemos escoitar as presentacións de cada un dos proxectos da man dos seus promotores e intercambiar preguntas, dúbidas, aportacións… fomentando así que persoas que están pasando por unha mesma experiencia, a do emprendemento nun determinado sector (o artístico) e nun momento similar, se coñezan entre si.
Así mesmo, a actividade contribuíu a dinamización e a creación de oportunidades de emprendemento no rural, na liña coa misión da Fundación Roberto Rivas como entidade responsable da actividade de este Polo de Emprendemento.
Dende o Polo de emprendemento e apoio ao emprego Pontevedra Norte e Rías Baixas e dende a Fundación Roberto Rivas agradecemos a participación de todas as persoas que acudiron a xornada. Esperamos con ilusión poder seguir acompañando o desenvolvemento de todos estes proxectos e, xunto con eles, seguir impulsando o emprendemento cultural no territorio.
Dejar una Respuesta