Remuda xeracional na IXP do Pan de Cea

Remuda xeracional na IXP do Pan de Cea

Remuda xeracional na IXP do Pan de Cea 1920 1080 Fundación Roberto Rivas

Celebrada en San Cristovo de Cea e organizada desde o Polo de emprendemento e apoio ao emprego O Carballiño, o pasado día 13 tivo lugar a xornada Potenciando o emprendemento aproveitando os recursos locais: a remuda xeracional na IXP do Pan de Cea, unha iniciativa da Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Roberto Rivas.

Unha actividade orientada a fomentar un intercambio de impresións entre as persoas representantes da indicación xeográfica protexida (IXP) Pan de Cea e o alumnado de Formación Profesional que se está especializando no oficio.

Remuda xeracional na IXP do Pan de Cea

O alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, presentou o acto, destacando o que representa para o Concello esta tradicional marca galega, así como a importancia de impulsar o relevo xeracional na industria artesanal do pan.

Seguidamente, durante a mesa coloquio resaltouse a historia da IXP Pan de Cea, a primeira de Europa na súa categoría, e enfatizouse como o seu proceso de elaboración, cun compoñente artesanal e de «cariño» moi importante, é o que garante unha maior calidade e durabilidade do produto.

Participaron Carlos Rodríguez, presidente da IXP Pan de Cea, Manuel Garea, docente do CIFP Vilamarín, e Sofía Godoy, de Aboamigalla.

Remuda xeracional na IXP do Pan de Cea

Así, mentres o Pan de Cea goza de recoñecemento, unha alta demanda dentro e fóra de Galicia e claras proxeccións de crecemento, con máis de 700.000 unidades vendidas o ano pasado, enfronta á vez a dificultade para asegurar o relevo xeracional.

Neste sentido, durante o coloquio desmentiuse a crenza de que se trata de traballos que non permiten conciliar, sinalando fórmulas que xa se aplican como o traballo por turnos ou de forma coordinada, e poñendo de manifesto que actualmente é unha saída laboral moi demandada.

Na segunda parte do evento realizouse un taller no que participou o alumnado do ciclo formativo de panadería da EFA Piñeiral, en Arzúa, co obxectivo de detectar oportunidades que permitan impulsar esta IXP.

Remuda xeracional na IXP do Pan de Cea

Entre as conclusións acadadas, destacouse a necesidade de mellorar a presenza nas redes sociais e o marketing para promover o Pan de Cea, así como establecer relacións con outras figuras protexidas como o queixo de Arzúa ou o viño de O Ribeiro.

Tamén se subliñou a importancia de crear sinerxías co comercio local e explorar oportunidades de colaboración con outros sectores, como a pequena hostalaría, que poderían utilizar o Pan de Cea como elemento diferenciador na súa oferta gastronómica, promovendo así o seu valor e tradición artesanal.

Así, por exemplo, unha idea proposta foi a organización de catas de produtos combinadas para atraer a un público interesado en produtos artesanais e fomentar a innovación no sector.

A xornada rematou cunha visita ao forno tradicional de Aboamigalla, para coñecer de primeira man como é a elaboración deste pan.

Impulsando o relevo xeracional

No evento participou a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, quen destacou o Plan implementado pola Xunta para garantir o mantemento de negocios a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.

No caso do Polo do Carballiño, hai cinco negocios dispoñibles para que persoas interesadas poidan retomar tras deixalos os seus anteriores titulares. Quen queira facerse con algunha desas empresas, alugándoa ou mercándoa, pode poñerse en contacto coa Rede de polos a través da súa páxina web.

O encontro tamén serviu para dar a coñecer a Rede de polos, que presta asesoramento individualizado e gratuíto en calquera fase en que se atopen os proxectos empresariais, co obxectivo de xerar riqueza, dinamizar a economía e fixar poboación especialmente no rural.

No caso do Polo do Carballiño, asesoráronse un cento de iniciativas, un 55% delas lideradas por mulleres. Ademais do centro carballiñés, na provincia de Ourense están a funcionar os Polos de Verín, O Barco de Valdeorras e -dende a semana pasada- tamén o de Baños de Molgas.

Remuda xeracional na IXP do Pan de Cea

Dejar una Respuesta

Back to top