Primeiro evento no viveiro de empresas de Silleda

Primeiro evento no viveiro de empresas de Silleda

Primeiro evento no viveiro de empresas de Silleda 1920 1080 Fundación Roberto Rivas

«Eu emprendo, ti emprendes” foi un evento que reuniu ao redor de 50 asistentes, entre eles persoas emprendedoras e empresarias locais, e que contou coa asistencia da Secretaria Territorial de Emprego da Xunta de Galicia, Marta Mariño, e Ignacio Virel, xefe de negociado de proxectos de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra, no salón de actos do Viveiro de empresas de Silleda.

Primeiro evento no viveiro de empresas de Silleda

O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, foi o encargado de abrir este primeiro encontro, conducido pola concelleira de Promoción económica de Silleda, Paula Fernández, quen destacou a importancia deste tipo de eventos para crear contactos profesionais entre as persoas emprendedoras e coñecer de forma ampla os recursos das institucións.

Unha xornada de networking que serviu para poñer en valor as boas prácticas desenvolvidas por emprendedoras locais e para coñecer de primeira man os servizos sobre TICS, innovación e emprendemento social e sostible que ofrecen as administracións públicas tanto local como provincial e autonómica.

Unha das novidades do evento foi a presentación do Polo de emprendemento e apoio ao emprego Silleda da Xunta de Galicia, situado en “La Moda” Rural Lab, o espazo de innovación social e sostible da Fundación Roberto Rivas en Silleda. As nosas compañeiras e técnicas de emprego, Eliana Bouzas e Vanesa Loureiro destacaron esta rede que traballa para impulsar e consolidar proxectos de emprendemento que teñen unha vinculación coa contorna, mostrando as ferramentas que ofrece esta iniciativa ás persoas emprendedoras guiándoas a través de mentorización e formación.

Outra das iniciativas protagonistas foi o programa Smartpeme da Deputación de Pontevedra, presentada por Fátima Faílde, trátase dun programa de asesoramento TIC, capacitación en materia de novas tecnoloxías e formación para mellorar a competitividade.

Isabel Núñez Fernández, especialista no mundo do interiorismo e a decoración, expuxo o seu proxecto persoal no espazo De-Cores, destacando a importancia que ten a unión das empresas locais para seguir crecendo todos xuntos, desde o seu labor como directiva da Asociación de Empresarios e Comerciantes de Silleda (ECOSS). Por outra banda, Beatriz Rey Gómez, colaboradora da asociación Levanta Deza e emprendedora en Retos, un centro pedagóxico, multidisciplinar que abrangue todas as etapas da vida, destacou a importancia de ensinarlles aos nenos e nenas o significado do esforzo.

Durante o evento entregáronse os distintivos de persoas beneficiarias das Axudas Municipais á Creación de Emprego do ano 2023, coas que se crearon 9 empresas.

O evento pechou cun espazo de networking para crear sinerxías e posibles relacións laborais entre as persoas asistentes.

Dejar una Respuesta

Back to top