Ante os desafíos que supón a transformación demográfica, o Polo de emprendemento e apoio ao emprego Silleda organizou o pasado venres, no Hotel Palacio de Lalín, un taller de desenvolvemento de negocio para coñecer mellor os patróns de consumo das persoas de máis de 50 anos.
Aplicando unha metodoloxía innovadora, catro proxectos de emprendemento que reciben o apoio da Rede de polos e que teñen este segmento de idade como un dos seus públicos obxectivos puideron recoller información de primeira man para mellorar os seus produtos e servizos.
O evento contou, en primeiro lugar, co relatorio Economía prateada: elementos definitorios, desafíos e oportunidades, a cargo de Ramón Santorio Santorio, do voluntariado sénior de asesoramento empresarial na SECOT, quen explicou como este segmento de mercado, nun contexto onde o envellecemento activo xa é unha realidade, ofrece todo un abano de oportunidades de negocio.
Despois, as persoas participantes organizáronse en catro mesas de traballo para comezar a traballar cos catro proxectos de emprendemento:
Buscalume: xogo de cartas que se enfoca en traballar diferentes habilidades como a axilidade mental ou a habilidade visual.
Antifraxil, programa de adestramento multicompoñente que traballa forza, resistencia, equilibrio, flexibilidade, sociabilidade e xogo.
Abundanthia, acompañamento e educación financeira para xestionar mellor a túa economía familiar.
MoiNosas: traballo corporal, contorna natural e manualidades.
O taller incluíu demostracións prácticas, e permitiu que o grupo de emprendedores descubrise, por exemplo, o potencial de incluír un enfoque interxeracional na súa oferta de servizos.
Tamén se exploraron as barreiras de entrada para esta franxa de consumidores, e debateuse sobre cales son realmente os aspectos dunha aplicación móbil que resultan máis útiles.
A xornada rematou poñendo en común a aprendizaxe obtida por cada proxecto, contribuíndo así a visibilizar as achegas feitas por todo o grupo.
No evento participaron a Concelleira de Promoción Económica, Comercio e Emprego de Lalín, Beatriz Canda, e o Secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández.
O Polo de emprendemento e apoio ao emprego Silleda é unha iniciativa da Xunta de Galicia, en colaboración coa Fundación Roberto Rivas.
Na actualidade están en funcionamento na provincia de Pontevedra o Polo de Silleda e do Porriño, que xa atenderon ao redor de 330 proxectos de emprendemento.
Dejar una Respuesta