Descubrindo o Territorio: Visitas Presenciais con RR_dTerritorio

Descubrindo o Territorio: Visitas Presenciais con RR_dTerritorio

Descubrindo o Territorio: Visitas Presenciais con RR_dTerritorio 1920 1080 Fundación Roberto Rivas

O programa RR_dTerritorio, na súa terceira edición, está en pleno desenvolvemento co obxectivo de impulsar proxectos de emprendemento social e innovador no territorio galego. Aínda que gran parte do programa se leva a cabo en liña, as visitas presenciais desempeñan un papel fundamental para enriquecer a experiencia das persoas participantes.

Nunha destas visitas, o equipo de RR_dTerritorio tivo a oportunidade de mergullarse, en Lalín, no fascinante mundo da cooperativa Urdime: unha cooperativa cultural, que conta con máis de dez anos de traxectoria adicada á xestión, produción e distribución de eventos culturais por toda Galicia. Cun enfoque centrado no público familiar e un destacado labor na dinamización cultural, Urdime converteuse nun referente no sector cultural galego.

Durante a visita, as persoas participantes puideron explorar o seu espazo loxístico, onde levan a cabo montaxes de escenarios, e coñecer de primeira man a súa valiosa experiencia no emprendemento cooperativo.

Pero as visitas non se detiveron alí. Tivemos a oportunidade de participarmos na vibrante atmosfera da Feira «Corazón de Artesanía» en Agolada. Esta feira, que se celebra anualmente na primeira fin de semana de xullo, é un encontro obrigado para os amantes da artesanía galega.

As persoas participantes no programa RR_dTerritorio, divididos en parellas, percorreron os postos da feira en busca de propostas de valor inspiradoras e enriquecedoras.

O ambiente tranquilo permitiulles conversar cos artesáns/emprendedores que expoñían os seus produtos, coñecer as súas historias e descubrir como combinan coidado do territorio e revalorización da artesanía nos seus proxectos.

A Comarca de Ulloa é en “feminino”

O pasado venres 14 realizamos unha visita a Granxa Maruxa, máis que un lugar, un proxecto de vida cun percorrido de máis de 20 anos.

Marta, estudante de empresariais nada no centro urbano de Vigo e sen experiencia algunha no mundo rural, decide emprender téndose por unha “granxeira último modelo”: “A verdade é que non tiña nin idea de vacas…Había apostas no pobo de que nunha ou dúas semanas íao deixar”:

Entón, foi como unha loita de superación de saber que estaba a transformar o que era o seu proxecto de vida. “É precioso traballar no que che gusta e ir transformándoo aos poucos”.
A Ulloa é unha comarca rural cunha gran “cantidade de mulleres que estamos facendo cousas”. Cada unha pola súa conta ata que axuntamos os nosos coñecementos, as nosas materias primas e, sobre todo, a amizade.

Ademais Granxa Maruxa, xunto a Chusa e Carmela, é a sede da cosmética Muuhlloa.

“Hai 20 anos que decidimos retornar ao campo. Realmente era nosa filosofía de vida e de traballo. Esta era a casa familiar, onde eu nacín, naceu o meu pai, estaba abandonada e decidimos recuperala, recuperar a contorna… e adicarnos ao das plantas medicinais”, coméntanos Chusa. ”A diferenza da nosa cosmética con outros diferentes cosméticos que hai no mercado, é que nós producimos os ingredientes precisos para a formulación, enviámolos ao laboratorio, e alí fan o proceso final: o mesturado e o envasado directamente para chegar ao consumidor final”.

Carmela cóntanos: “Hoxe en día, estou moi contenta de facelo, porque é unha maneira de aproveitar e aplicar o aprendido durante os meus estudos. O que fixemos foi recuperar os coñecementos en canto a plantas medicinais, que tradicionalmente se utilizaban aquí no rural. E puxémoslle unha base máis científica á hora de facer provechamientos, extractos desas plantas, para desenvolver o tema da cosmética.”

Para conservar o medio, hai que estar aquí. Hai que querelo, amalo, e para iso tes que coidalo. Este tipo de traballo permite que se conserve, que perdure e que poida deixarllo a xeracións posteriores conservado o mellor posible.”

Isto é o futuro do rural: a innovación coa tradición, utilizar os recursos que temos aquí.
A reflexión final que Marta nos achega: “Cando acabo de facer este percorrido diario, veño coas pilas cargadas, cantas mulleres estamos a innovar no rural, con formación, con tradición e sustentabilidade. Cada día dou grazas de tomar a decisión de vir vivir ao campo e estar metida en todos estes proxectos ilusionantes e construír un rural diferente. Porque é o futuro. O rural é vangarda.”

Estas visitas presenciais tiveron un papel crucial no programa RR_dTerritorio, e non terían sido posibles sen a colaboración desinteresada da cooperativa Urdime, de Granxa Maruxa e do resto de emprendementos e negocios que se visitarán durante o programa, aos cales dende a Fundación lles damos o noso máis sincero agradecemento.

Ademais das leccións aprendidas durante as formacións en liña e as sesións grupais, as visitas brindaron a oportunidade de establecer conexións humanas, compartir ideas e fortalecer o sentido de comunidade entre as persoas emprendedoras.

O compromiso de RR_dTerritorio co emprendemento social en contornas rurais vese apoiado por estas experiencias no terreo. As visitas presenciais abriron os ollos das persoas participantes á diversidade de oportunidades que existen en Galicia e fortaleceron a súa determinación para crear proxectos que beneficien ás comunidades locais e ao territorio en xeral.

A medida que a terceira edición de RR_dTerritorio avanza, estas visitas presenciais continuarán desempeñando un papel crucial na aprendizaxe e desenvolvemento dos emprendedores participantes. Con cada experiencia enriquecedora, o programa achégase cada vez máis ao seu obxectivo de impulsar o emprendemento social e innovador no territorio galego, creando oportunidades e contribuíndo ao benestar e aos dereitos das comunidades rurais.

Esta iniciativa, promovida pola Fundación Roberto Rivas, enmárcase dentro do programa de actuación 2023 da Rede Eusumo, un rede de colaboración impulsada pola Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.

Dejar una Respuesta

Back to top