RR_dTerritorio: 3ª edición en marcha!

RR_dTerritorio: 3ª edición en marcha!

RR_dTerritorio: 3ª edición en marcha! 1920 1080 Fundación Roberto Rivas

RR_Territorio trátase dun programa de incubación de proxectos de emprendemento, cun enfoque social e innovador para transformar o territorio. Unha iniciativa que este ano alcanza a súa terceira edición.

Aprender a emprender facendo é o que marca a diferenza cos anos anteriores. Nesta edición os participantes non precisaron un proxecto definido, unha idea era suficiente.

Comezamos traballando con distintas metodoloxías para que se foran coñecendo un pouco a si mesmos, revisando as súas motivacións para emprender, e vendo as motivacións das outras persoas participantes. Tamén adicaron parte do seu tempo a coñecer os distintos arquetipos e perfís de emprendemento.

RR_dTerritorio: 3ª edición en marcha!

A partir de aí conformaron os grupos de traballo para que nunha primeira estadía investigaran sobre algún reto ou oportunidade vinculada ao territorio que lles interesara. A continuación, botaron unha mirada cara a fóra, para poder ver qué problemas xurdían (fundamentalmente problemas sociais e ambientais) que podían afrontar como punto de partida.

Como resultado, elixiron cinco proxectos de emprendemento nos que traballar, pensando como articulan a proposta de valor, buscando unha posible solución empresarial e definindo posibles clientes para configurar un modelo de negocio.

Ademais, unha característica moi interesante e novedosa no programa deste ano é que se está aplicando unha capa de gamificación, para incentivar a participación nas clases e a asistencia. A través de 5 arquetipos de personaxes emprendedores con características moi distintas, o grupo de participantes do programa teñen que axudar a que un territorio que se está baleirando reviva socioeconomicamente.

 

Estamos cruzando o ecuador desta terceira edición, que comenzou a súa andaina o pasado mes de maio con 15 persoas emprendedoras de distintos puntos de Galicia. Durante estes meses de xuño e xullo continuaranse levando a cabo as formacións en liña, que se complementan con sesións presenciais vinculadas ao territorio.

Ata agora, xuntámonos en “La Moda” Rural Lab, o espazo de emprendemento da Fundación en Silleda, para almorzar e coñecernos mellor: indagamos sobre as expectativas e intereses das persoas participantes e tivemos un encontro coas emprendedoras europeas do programa The Break Fellowship.

Tamén visitamos a Semana Verde de Silleda, onde puidemos ver en primeira persoa experiencias inspiradoras do sector primario galego, e tivemos a oportunidade de saudar a outros emprendedores que formaron parte de pasadas edicións do programa RR_dTerritorio , como é o caso de Trasdeza Natur e Biopraedium, que aproveitaron para aportar coa sua experiencia aos participantes no programa deste ano.

E unímonos aos “Venres Cooperativos” organizados desde a Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego, para visitar Horsal e coñecer a experiencia de A Factoría Atelier, ambas recoñecidas cooperativas da comarca do Salnés.

Cal é a nosa próxima cita?

Este venres visitaremos a nave loxística da cooperativa Urdime en Lalín, e logo pasaremos o día en Agolada, na feira referente de artesanía galega: Corazón da Artesanía.

 
Esta iniciativa promovida pola Fundación Roberto Rivas enmárcase dentro do programa de actuación 2023 da Rede Eusumo, un rede de colaboración impulsada pola Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.

A Fundación Roberto Rivas crea oportunidades de emprendemento social no rural dentro dun marco de igualdade de oportunidades. Impulsamos o emprendemento social en entornos rurais para xerar oportunidades que propicien o arraigo da poboación no territorio, garantizando o seu benestar e os seus dereitos.

Dejar una Respuesta

Back to top