A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, inaugurou no Carballiño o pasado 27 de marzo a sede do novo Polo de emprendemento e apoio ao emprego Miño Central, que prestará servizo a 47 concellos de cinco comarcas: Maceda-Allariz, O Carballiño, Ourense, O Ribeiro e Terras de Celanova.
Trátase do sexto Polo dunha Rede que empezou a despregar a Xunta de Galicia o ano pasado, para acompañar e apoiar ás persoas emprendedoras en todas as etapas dos seus proxectos.
A Fundación Roberto Rivas, que comparte a meta de promover o desenvolvemento social e económico no rural a través da fórmula do emprendemento, será a responsable de impulsar a actividade do Polo de Miño Central, do mesmo xeito que xa o fai no Polo de Pontevedra Norte e Rías Baixas, situado en Silleda no espazo “A Moda” Rural Lab” da Fundación.
O novo Polo do O Carballiño está situado nunha área do Centro Comarcal, na Avenida Pontevedra km 27, onde o equipo da Fundación facilitará, a quen emprende, asesoramento e acompañamento personalizado en base ás particularidades do territorio onde se atopen, así como o apoio de persoas expertas en distintas áreas profesionais relacionadas co emprendemento.
Así mesmo, e do mesmo xeito que no resto de Polos, dende o de Miño Central achegarémonos a cada comarca para xerar coñecemento experto sobre as necesidades e as oportunidades na súa zona de actuación, establecendo alianzas coas empresas, o tecido asociativo e o resto de organismos públicos ou privados que impulsan o desenvolvemento territorial.
Esta Rede de Polos de emprendemento e apoio ao emprego conta cun equipo de coordinación operativa e metodolóxica a cargo da Fundación Juana de Vega, e forma parte da estratexia de emprego Xempre contigo da Xunta de Galicia, que aposta por un mercado laboral máis interconectado, formado e dinámico.
Acto de inauguración
No acto de inauguración expuxeron o seu proxecto tres persoas emprendedoras das comarcas implicadas, que puxeron en marcha iniciativas singulares no ámbito rural.
A primeira en participar foi Natalia Silva, de Blue Silk, que usa as augas de Baños de Molgas para fabricar cosméticos. Destacou que na súa etapa inicial o apoio de profesionais foi fundamental, ao carecer ela de coñecementos para emprender e xestionar a empresa.
Coincidiu con ela Alberto Blanco, un artesán de xoias natural de Maside, quen subliñou que o seu principal propósito cando empezou o seu emprendemento era poder dar vida ó seu pobo. Para el resultou fundamental o apoio recibido anteriormente na primeira edición do programa RR_dTerritorio, da Fundación Roberto Rivas.
Finalmente, Sofía Godoy, de Aboamigalla, destacou a importancia de apostar polo máis próximo e facelo de maneira sostible. Resaltou os primeiros pasos da súa empresa en Cea, e como foron capaces de manter o proxecto en marcha durante a pandemia.
Tras escoitar as súas palabras —entre o público atopábanse un gran número de alcaldes das comarcas de Carballiño/Ribeiro, responsables dos GDR e das oficinas de emprego, e representantes do tecido asociativo— foi a quenda da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade. María Jesús Lorenzana tivo primeiro unhas emotivas palabras de recordo para D. Roberto José Rivas Martínez, impulsor da nosa Fundación e falecido recentemente, que dende a Fundación agradecemos moi sinceramente.
Posteriormente, relatou que os cinco polos en activo ata ese momento xa dan cobertura a máis de 140 concellos, é dicir ao 45% da comunidade galega. En menos dun ano de funcionamento, subliñou, ofreceron asesoramento permanente e especializado a máis de 220 persoas emprendedoras, axudándoas a desenvolver 209 proxectos empresariais. Puxo ademais en valor que un 57% destas iniciativas empresariais son lideradas por mulleres.
Na Fundación Roberto Rivas estamos moi orgullosos e ilusionados coa posta en marcha deste novo Polo de Emprendemento, que supuxo un gran traballo e esforzo compartido durante os últimos meses. Imos seguir traballando conxuntamente con toda a Rede de Polos para impulsar aínda máis o emprendemento innovador, sostible e xerador de oportunidades no territorio.
Dejar una Respuesta